Friday 17 de May de 2024

O alcalde de Fene amósase satisfeito polo éxito do programa de visitas guiadas ás instalacións de Navantia-Fene


As visitas á zona JacketsWikinger e Hywind do asteleiro están organizadas pola dirección de Navantia coa colaboración do Concello de Fene

Malia ao pouco tempo transcorrido dende o lanzamento do programa e a realización da primeira visita, o Concello de Fene informa de que se cubriron as 30 prazas para a segunda quenda de visitas deste domingo (12:00 h) e confirmáronse 24 prazas para a primeira quenda (10:00 h), amais de que se recibiron numerosas solicitudes de visitas guiadas para os seguintes domingos.
Dende Alcaldía, lémbrase que a segunda das visitas programadas a Navantia Fene (zona JacketsWikinger e Hywind) terá lugar o domingo 27 de marzo, tamén en dúas quendas de 30 persoas cada unha e cos mesmos horarios. O prazo de inscrición para a visita do 27 rematará ás 12:00 h do mércores 23 de marzo. Para esta segunda visita xa están cubertas15 prazas na quenda das 12 (quedan 15 dispoñibles) e 3 para a quenda das 10:00 (quedan dispoñibles 27 prazas)
As persoas interesadas en participar nesta (ou en sucesivas visitas guiadas) poden inscribirse:
• Por correo electrónico: enviando a ficha de inscrición -que poden descargar dende a páxina web www.fenecidadan.gal- cuberta en todos os seus extremos, ao seguinte enderezo visitasnavantia@fene.gal. De optar por esta opción, teñen que agardar a recibir o correo de confirmación.
• Presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes (Avenida de Naturais,44, entresollado dereita) en días laborables, de luns a venres, en horario de 8:00 a 14:30 h.
As prazas, cubriranse sempre por rigorosa orde de inscrición.

As visitas a Navantia Fene (zona JacketsWikinger e Hywind) terán unha hora de duración. No momento da visita proporcionaráselle ao público asistente as EPI a empregar (casco, lentes de protección e chaleco reflector). É necesario vestir calzado axeitado, evitando o talón alto e zapato inestable ou esvaradío.

Poden participar os menores de idade, sempre acompañados dun adulto. Dadas as condicións do solo dos talleres, non poden usarse carriños de bebé.

Queda prohibida a utilización do móbil no interior dos talleres e, de maneira expresa, tirar fotografías ou vídeos nestes espazos. Non obstante, si se poden utilizar os móbiles e as cámaras fotográficas no exterior dos talleres.

As visitas continuarán todos os domingos, até novo aviso, coas mesmas condicións e procedementos de inscrición. Para as que teñan lugar a partir do domingo 3 de abril o prazo de inscrición rematará ás 12:00 h do venres anterior ao domingo no que se pretenda facer a visita.